martes, 25 de octubre de 2016

EMPREGO E PERSOAS XORDAS

Por Natalia Bello Santos



Como a temática desta publicación é libre, vou aproveitar para centrarme no sector no que estou a traballar agora mesmo: a discapacidade auditiva.


Dunha forma global, a discapacidade en xeral xa é unha dificultade á hora de incorporar as persoas con discapacidade ó mercado laboral. No que respecta á discapacidade auditiva, dende o meu punto de vista, ten un hándicap engadido: a dificultade para a comunicación.

O problema destas persoas con discapacidade auditiva (malchamadas xordomudas, xa que, a pesar de ser persoas xordas, teñen voz e son capaces de falar con maior ou menor claridade) é que non se trata dunha discapacidade visible e, polo tanto, non se ten en conta.

A pesar de ser persoas con tódalas capacidades para realizar as diferentes tarefas dun posto de traballo atopámonos moitas veces con certa reticencia por parte das empresas a contratar ás persoas pertencentes a este sector. A maioría das veces isto é debido ó descoñecemento desta discapacidade e as súas características.


E no que á orientación respecta, atopámonos con 2 inconvenientes principais:
  • Formación non accesible: A maioría das veces, cando buscamos algunha formación que se adapte ó perfil da persoa orientada que lle axudaría a desenvolver o seu perfil profesional, atopámonos con que as diferentes empresas ou entidades non ofertan formación accesible para persoas xordas. É certo que poñer un/ha Intérprete de Lingua de Signos supón un custe a maiores, pero precisamente ese custe é algo que as persoas xordas desempregadas non poden asumir.
  • Adaptación dos postos de traballo: Hai moitos postos de traballo que poderían ser desempeñados por unha persoa xorda sen problema con algunha adaptación. Dentro destas adaptacións podemos atopar sinais luminosas (xa que as sonoras para este sector non son eficaces), sinais visuais (pictogramas,…), entre outras.
Aquí vos deixo un exemplo de adaptación dun posto de traballo dunha persoa xorda española en Suecia (a ver se España toma recortes!!!):



Pero a estes inconvenientes hai que sumarlle a sensación de “medo” que sinte unha persoa cando se ve na obriga de intentar comunicarse cunha persoa xorda. Non é necesario saber Lingua de Signos para que poidan comunicarse, simplemente a predisposición suficiente polas dúas partes de querer comunicarse. En liñas xerais, estes serían uns consellos para poder comunicarse cunha persoa xorda:



  • Colocarse de xeito que a nosa cara estea a plena luz para ver claramente a expresión.
  • Manter en todo momento o contacto visual: Falar de fronte e non moi rápido.
  • Vocalizar con normalidade, sen excesos, para facilitar a lectura labial.
  • Utilizar frases curtas, con estruturas sinxelas e apoiarse, en caso necesario, con xestos e escritura.
  • Asegurarse en todo momento que ámbolas dúas persoas entenderon a mensaxe.




  • Non falar nunca sen que a persoa xorda poida ver a quen fala. É necesario chamar a súa atención cun sinal antes de falar.
  • Acercarse por detrás de forma brusca. A persoa xorda pode asustarse e incluso mancarse se está a realizar unha tarefa con certo perigo.
  • Non colocar diante da boca obstáculos que dificulten o contacto visual.



Para obter máis información ó respecto, aquí vos deixo algúns enlaces (son unha pequena mostra de tódalas entidades que se adican a este sector):



E, por último se alguén se anima a aprender Lingua de Signos, aquí vos deixo o alfabeto dactilolóxico co que poder comezar a practicar:



ANIMÁDEVOS!

1 comentario:

  1. Gustame moito o relatado e o comparto. Vese que o sintes e o vives, sigue así. Saudos de Alfonso

    ResponderEliminar